
Yelco confirma a melloría do Bergan e frea o Compos
Nas 4 primeiras xornadas a nota negativa e a pouca efectivade goleadora; só 2 goles a favor. Bergantiños: Santi; Bilal, Aarón, Antonio, Marcos; Agullón, Remeseiro (Granada, Diego; Duque (Álex Diéguez, m. 66), Yelco (Cano, m. 74) e Rivera.
Compostela: Pato; Miki, Jimmy, Soto, Álvaro Casas, Samu; Baleato, Mon (Josiño, m. 75), Pablo Antas; Brais Abelenda (Saru, m. 82) e Rodri Alonso (Gabri Palmás, m 55).
Gol: Yelco, m. 65.
Árbitro: Adrián González, asistido por Cristian Santos e Iván García. Amoestou a Diego, Agulló, Antonio e Miguel Figueira; e a Miki, Jimmy e Pato.
Campo: As Eiroas, 600 espectadores. Partido da cuarta xornada de liga no grupo I de Terceira División.
Un gol de Yelco, estelar toda a tarde, confirmou a mellora do Bergantiños, que frea a racha dun Compostela que tivo as súas opcións pero que, no cómputo global, estivo por debaixo dos de Carballo. Se, en fútbol, a cousa estivo parella, os de Miguel Figueira mandaron máis e máis tempo e sumaron as mellores ocasións, un penalti incluído que Pato desviou ao recuncho logo do lanzamento de Rivera.
A novidade esta tarde na libreta do técnico local foi atrasar a Remeseiro, parella de Agullón no pivote, e adiantar a Diego, quen apertou sempre moi arriba para atrancar a saída de balón dos visitantes.
Comenzou mellor o Bergantiños, que xa puido adiantarse aos cinco minutos nunha boa chegada de Diego pola dereita, pero o centro, rematado por Yelco, desviouno un defensa ao longueiro, para que logo o balón botase na liña de gol. O Bergan empurraba e sumaba ocasión tras ocasión: Rubén Rivera (de lonxe), Luque (nun un para un que finalizou cun disparo desde fóra da área, sen perigo) e, a mellor, unha fermosa contra, con Yelco e Luque de protagonistas, que finalizou coa pelota na rede, pero ao árbitro pareceulle que o penúltimo pase chegoulle ao dianteiro bergantiñán en fora de xogo.
Deu a réplica Miki, un perigo constante polo carril dereito. A súa segunda cabalgada, rapidísimo, converteuse nun man a man con Santi que non rematou en gol por medio dedo. Tamén roldou o 0-1 antes do descanso, nun saque desde o curro no que a pelota bateu no bosque de pernas e acabou no traveseiro para se converter nun novo córner no que Santi tivo que estar moi atento para achicar de novo.
O guión non cambiou logo do paso polos vestiario. Outra vez Yelco foi a ameaza, soberbio para habilitar a Rivera, quen cruzou demasiado un remate que prometía gol. Que tamén tiñan preparado cantar os seareiros locais cando un centro desde a dereita lle chegou franco a Luque, pouco atinado para meter a perna.
Á hora de partido puido cambiar todo. Pato, perfecto, detívolle un penalti a Rivera e o Bergantiños acuso o golpe. O Compostela sumou tres moi boas oportunidades para tumbar aos carballeses; a mellor, firmada por Palmás, fresco e moi participativo desde a súa entrada por Rodri.
Durante un cuarto de hora o Bergan estivo en mans dos visitantes. Sobreviviu grazas ao gol Yelco, o mellor toda a tarde, aínda que tivo que sufrir para defender a vantaxe. Ata o último suspiro, no que un Antas non cazou o empate por moi pouco.